Mostrando entradas con la etiqueta exposición. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta exposición. Mostrar todas las entradas

7/6/15

Dionisio Tasende. De homes... E mulleres

1967, Arcos, praia de Riazor

   O Museo do Pobo Galego acolle a exposición ‘Dionisio Tasende. De homes... e mulleres’, coa que contribúe á divulgación da obra deste fotógrafo galego a través da exhibición dun total de 81 das súas imaxes tomadas en Galicia entre 1955 e 1979.
Con esta exposición, que permanecerá aberta ata o vindeiro 5 de xullo, o Museo do Pobo Galego contribúe á difusión das distintas manifestacións do noso patrimonio audiovisual e dos traballos concretos dos seus creadores.

   Dionisio Tasende descubriu a fotografía aos 14 anos de forma intuitiva e autodidacta. As imaxes fotográficas foron marcando momentos decisivos da súa vida, e a fotografíaconverteuse na súa gran paixón, á que se dedicou con tesón e paciencia. Pertenceu á xeración de fotógrafos que nos anos 50 formaron a Sociedad Fotográfica de La Coruña, que conseguiu organizar salóns fotográficos nacionais e internacionais e realizou actividades cara á divulgación da fotografía.

   Dionisio Tasende camiñaba de forma infatigable coas súas cámaras ao ombro, buscando unha e outra vez as luces do amencer e os seus efectos de contraluz. Gran observador das persoas no seu ambiente, cultivou o retrato de escenas espontáneas, captadas no momento preciso con rapidez e anticipación, grande expresividade, riqueza de matices e sentido da composición. Unha vez no seu laboratorio, investigaba con distintas técnicas, revelando e positivando as súas fotografías de forma lenta e pracenteira, pero con tenacidade e emoción. 
Fonte: Museo do Pobo Galego

30/11/14

Barriga verde, de feira en feira

Exposición "De feira en feira", 11-11-2014  -  11-01-2015

   Desde hai séculos e ata hai relativamente pouco moitos artistas percorrían, levando os seus espectáculos, as feiras e romarías, os camiños, as aldeas e as vilas de Galicia, ás veces de taberna en taberna. Familias de titiriteiros, acróbatas, cómicos, marionetistas,… transmitían os segredos da profesión e enchían de ilusión os rostros das xentes que buscaban contemplar as trasnadas dos heroes cómicos, o teatro de marionetas, números de acrobacia e demais espectáculos.

   Un dos últimos representantes desta tradición foi Barriga Verde, boneco e marionetista ao mesmo tempo, que amenizou moitas feiras de San Froilán e a quen a Asociación “Morreu o Demo” pretende sacar do esquecemento mediante esta mostra.

   As feiras e romarías eran o espazo de intercambio económico máis importante na sociedade tradicional, espazos nos que gañaban a vida xentes chegadas de lonxe ofertando as súas artes e milagres. Así tamén nace o “heroe galego” a comezos do século XX, herdeiro do Pulcinella napolitano e a súa estirpe e popularizado en Galicia a través da familia Silvent, co seu “Barriga Verde”. Cun saco de bonecos ao lombo e unha saba pendurada en calquera lado para facer de escenario, percorreron case  todos os recunchos de Galicia.

   A mostra conta cunha serie de actividades paralelas, como a proxección do documental “Morreu o demo, acabouse a peseta”, obradoiros de monicreques para familias ou visitas teatralizadas para escolares de infantil (os xoves de novembro e decembro, con reserva previa).                                    Fonte: museodopobo.es