Exposición "De feira en feira", 11-11-2014 - 11-01-2015
Desde hai séculos e ata hai relativamente pouco moitos artistas percorrían, levando os seus espectáculos, as feiras e romarías, os camiños, as aldeas e as vilas de Galicia, ás veces de taberna en taberna. Familias de titiriteiros, acróbatas, cómicos, marionetistas,… transmitían os segredos da profesión e enchían de ilusión os rostros das xentes que buscaban contemplar as trasnadas dos heroes cómicos, o teatro de marionetas, números de acrobacia e demais espectáculos.
Un dos últimos representantes desta tradición foi Barriga Verde, boneco e marionetista ao mesmo tempo, que amenizou moitas feiras de San Froilán e a quen a Asociación “Morreu o Demo” pretende sacar do esquecemento mediante esta mostra.
As feiras e romarías eran o espazo de intercambio económico máis importante na sociedade tradicional, espazos nos que gañaban a vida xentes chegadas de lonxe ofertando as súas artes e milagres. Así tamén nace o “heroe galego” a comezos do século XX, herdeiro do Pulcinella napolitano e a súa estirpe e popularizado en Galicia a través da familia Silvent, co seu “Barriga Verde”. Cun saco de bonecos ao lombo e unha saba pendurada en calquera lado para facer de escenario, percorreron case todos os recunchos de Galicia.
A mostra conta cunha serie de actividades paralelas, como a proxección do documental “Morreu o demo, acabouse a peseta”, obradoiros de monicreques para familias ou visitas teatralizadas para escolares de infantil (os xoves de novembro e decembro, con reserva previa). Fonte: museodopobo.es