Mostrando entradas con la etiqueta Museo do Pobo Galego. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Museo do Pobo Galego. Mostrar todas las entradas

31/5/16

Libros conversos

Libros conversos, 21/04/2016 - 12/06/2016, Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela

   Este proxecto que acolle O Museo do Pobo Galego xorde como un diálogo entre creación literaria e creación plástica. Escollendo poemas da nosa tradición poética clásica e contemporánea, ou ben encargándolle a algúns autores textos que dialogaran coas súas pezas plásticas, van fiando estes dous poetas e artistas plásticos un diálogo entre a literatura como contido e o libro como continente. Libros de artista, libros-obxecto, libros intervidos, libros-escultura entran na poesía, reescríbena, amplifícana, agóchana, establecen puntos de contacto que propician unha dialéctica de ida e volta: desde o poema ao libro e desde o libro ao poema. Mestizaxe de voces, de olladas, de libros que se abren para convidar ao lector a que entre nese diálogo que nunca remata.

   A finais dos anos 80, Pepe Cáccamo comezou a ensamblar obxectos a partir de refugallo de ferro, madeira e plástico. Foi inicialmente unha ocupación que non procuraba comunicación pública e que dialogaba coas procuras de cerna surrealista actuantes no substrato da súa poética discursiva. No seu primeiro ciclo de obxectos ensamblados –expostos, entre outras, nas galerías Ad Hoc de Vigo e Citania de Santiago– pode percibirse unha liña expresiva que combina as poéticas do surrealismo e a arte povera coas do kitsch de intención crítica e irónica. Unha pausa creativa de sete anos a partir de 1995 serviulle para ir preparando unha mudanza de rumbo cara aos territorios da Poesía obxectual.

  Desde o ano 2006, coa serie titulada Underwood, comezou a amosar os seus libros abertos e un conxunto de máquinas de escribir deconstruídas, intervidas. Ao longo desta segunda etapa, amosou o resultado do seu labor en diversas galerías de Galiza e de España: A carón do mar, de Cangas do Morrazo (2006), Sargadelos de A Coruña (2007), Auditorio Municipal de Vilagarcía (2007), Ponte de Rosas de Gondomar (2010), Trisquel e Medulio de Tui (2010), Sala Provincia do Instituto Leonés de Cultura (2013) Centro de Poesía Visual de Peñarroya (2014) ou Fundación Luís Seoane de A Coruña (2015). Participou tamén en diversas exposicións colectivas e, desde o ano 2014, mantén un intenso diálogo reflexivo e creativo con Baldo Ramos. librosconversos é a cuarta mostra dese labor de dobre autoría en proceso aberto.

  Poesía e plástica conviven no seu traballo como unha invitación ao diálogo, á mestizaxe, á fusión. Autor de trece libros de poesía, será Raizames (2001) o que abra un ciclo que se pecha con Cartografía do exilio (2014). Nos últimos anos ten propiciado colaboracións con outros artistas e escritores que teñen dado como froito diferentes proxectos expositivos e literarios: Muere el pájaro en el aire (2010) con Mónica Doldán, Os ollos das palabras (2012) con Caxigueiro, Onde beben os cervos que amansou o calígrafo (2014) e As raiceiras do frío (2016) con Carlos González Villar, CaRa inversa (2014) e VisualconVersa (2016) con Pepe Cáccamo e 1+1=3 (2015) con Franck Meyer. Os seus libros de artista teñen sido expostos nas galerías Borrón 4, Isadora, Citania, AC ArteContemporáneo, Rodrigo Juarranz, Clérigos, Bus Station, Marisa Marimón, Metro ou Galería Circular e en feiras de arte como Espacio Atlántico, DEARTE Contemporáneo, Art Madrid ou Arteando. Algúns destes libros de artista de exemplar único levan por título: Ut pictura poesis (2002), Signos de cinza (2003), Homenaxe a Lorca (2005), Na fronteira do dicir (2008), Túneles no espello (2010), As nogueiras do insomnio (2011), Monólogo do calígrafo (2013) ou Homenaxe a José Ángel Valente (2015).

  No acto de inauguración naFronteira interpretó tres pezas musicais: unha baseada nun poema de Xosé Mª Álvarez Cáccamo, outra nun de Baldo Ramos e outra nun texto do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Manuel María, a quen os autores da mostra fan unha homenaxe cun libro de grandes dimensión que tamén pode verse nesta mostra que acolle o Museo do Pobo Galego. Participaron no RECITAL POÉTICO, lendo os textos incluídos no libro-catálogo editado por LibrosGalegos.gal que complementa esta mostra, os seguintes poetas: Salvador García-Bodaño , Xulio L. Valcárcel , Marga do Val | Gonzalo Navaza , Carlos Negro Celso Fernández Sanmartín , Ana Romaní , Vítor Vaqueiro,  Román Raña, Mariña Pérez Rei Xurxo Alonso, Carlos Fontes, Olalla Cociña, Eduardo Estévez, Alfredo Ferreiro, Xerardo Quintiá Alba Cid, Luís Valle e Eva Veiga.                                                                   Fonte: Museo do Pobo Galego

7/6/15

Dionisio Tasende. De homes... E mulleres

1967, Arcos, praia de Riazor

   O Museo do Pobo Galego acolle a exposición ‘Dionisio Tasende. De homes... e mulleres’, coa que contribúe á divulgación da obra deste fotógrafo galego a través da exhibición dun total de 81 das súas imaxes tomadas en Galicia entre 1955 e 1979.
Con esta exposición, que permanecerá aberta ata o vindeiro 5 de xullo, o Museo do Pobo Galego contribúe á difusión das distintas manifestacións do noso patrimonio audiovisual e dos traballos concretos dos seus creadores.

   Dionisio Tasende descubriu a fotografía aos 14 anos de forma intuitiva e autodidacta. As imaxes fotográficas foron marcando momentos decisivos da súa vida, e a fotografíaconverteuse na súa gran paixón, á que se dedicou con tesón e paciencia. Pertenceu á xeración de fotógrafos que nos anos 50 formaron a Sociedad Fotográfica de La Coruña, que conseguiu organizar salóns fotográficos nacionais e internacionais e realizou actividades cara á divulgación da fotografía.

   Dionisio Tasende camiñaba de forma infatigable coas súas cámaras ao ombro, buscando unha e outra vez as luces do amencer e os seus efectos de contraluz. Gran observador das persoas no seu ambiente, cultivou o retrato de escenas espontáneas, captadas no momento preciso con rapidez e anticipación, grande expresividade, riqueza de matices e sentido da composición. Unha vez no seu laboratorio, investigaba con distintas técnicas, revelando e positivando as súas fotografías de forma lenta e pracenteira, pero con tenacidade e emoción. 
Fonte: Museo do Pobo Galego

30/11/14

Barriga verde, de feira en feira

Exposición "De feira en feira", 11-11-2014  -  11-01-2015

   Desde hai séculos e ata hai relativamente pouco moitos artistas percorrían, levando os seus espectáculos, as feiras e romarías, os camiños, as aldeas e as vilas de Galicia, ás veces de taberna en taberna. Familias de titiriteiros, acróbatas, cómicos, marionetistas,… transmitían os segredos da profesión e enchían de ilusión os rostros das xentes que buscaban contemplar as trasnadas dos heroes cómicos, o teatro de marionetas, números de acrobacia e demais espectáculos.

   Un dos últimos representantes desta tradición foi Barriga Verde, boneco e marionetista ao mesmo tempo, que amenizou moitas feiras de San Froilán e a quen a Asociación “Morreu o Demo” pretende sacar do esquecemento mediante esta mostra.

   As feiras e romarías eran o espazo de intercambio económico máis importante na sociedade tradicional, espazos nos que gañaban a vida xentes chegadas de lonxe ofertando as súas artes e milagres. Así tamén nace o “heroe galego” a comezos do século XX, herdeiro do Pulcinella napolitano e a súa estirpe e popularizado en Galicia a través da familia Silvent, co seu “Barriga Verde”. Cun saco de bonecos ao lombo e unha saba pendurada en calquera lado para facer de escenario, percorreron case  todos os recunchos de Galicia.

   A mostra conta cunha serie de actividades paralelas, como a proxección do documental “Morreu o demo, acabouse a peseta”, obradoiros de monicreques para familias ou visitas teatralizadas para escolares de infantil (os xoves de novembro e decembro, con reserva previa).                                    Fonte: museodopobo.es

15/3/14

Baltasar Cue Fernández: Galería fotográfica de tipos populares

   A carreira de Baltasar Cue como fotógrafo profesional foi breve pero, sen dúbida, nos atopamos diante dun dos máis singulares protagonistas do significativo desenvolvemento da fotografía no oriente de Asturias, con centro na vila de Llanes.
    
                            Una semeya de la esposición

   Emigrante en Cuba de mozo, as súas inquietudes conducirano a unha formación cosmopolita en París e Londres, que ampliará en viaxes por Europa antes de se establecer na súa vila natal. Como fotógrafo introducirá a "foto-pintura", en colaboración co pintor Manuel Fernández-Escandón Lebraud, e documentará as paisaxes e acontecementos da Llanes finisecular. Nese panorama aberto e ecléctico Cue achega unha obra singular no ambiente da fotografía asturiana e española de fins do século XIX: a súa galería de tipos populares. Con esta serie, o fotógrafo llanisco amosa interese concreto por esas persoas exóticas ou marxinais que raramente accederían ao seu estudo para seren retratadas. Deste xeito transcende unha paisaxe humana normalizada, para outorgar un carácter emblemático a todos aqueles individuos dos que a personalidade escapa aos ríxidos esquemas que definen a estrutura social dese tempo, nun mosaico polo que desfilan músicos, pobres de pedir, heroes locais, moinantes e personaxes fieis a unha identidade tradicional que se estaba a perder.   Fonte: Museo do Pobo Galego